Nuestra Presidenta de Honor Marta Míguez es noticia hoy

 

Marta Míguez: «Abandonoume o deporte a min»
Tres anos despois de asistir aos xogos olímpicos de Sídney, Míguez deixou as pistas para comezar un novo camiño na xestión do deporte dende as Administracións autonómica e municipal.

SARA PÉREZ
LA VOZ 24/12/2020 05:00 H
Como un acto de xenerosidade desmedida. Así é como describe Marta Míguez (Louredo, Cortegada, 1973) o esforzo que os seus pais fixeron para que ela e as súas dúas irmás puideran ir a Ourense a estudar. Foi alí onde, con tan só 14 anos, acadou a autonomía que precisaba para se converter en deportista de elite. A resistencia chegou da man das tantas viaxes que facía os luns aínda de noite monte abaixo para coller o autobús. E tamén das dos venres, nas que para volver á casa subía máis rápido. «Pasámolo mal, con 14 anos… Moitas veces choras», recorda Míguez. Esa forza que tivo para lanzar a xavelina e para superar os seus propios récords foi a mesma que mostrou o seu pai cando emigrou a Suíza ou a súa nai ao quedar soa na aldea coidando ao gando.
A historia de Marta Míguez co lanzamento de xavelina comezou case sen querelo. Ao principio tan só era o capricho de gañarlle a súa irmá maior, á que acompañaba cando adestraba. Descubriu que se lle daba ben, pero non foi ata que chegou á Coruña para estudar INEF cando comezou a adestrar na escola de lanzadores cuns obxectivos claros. Os primeiros recoñecementos non tardaron en chegar: en 1998 gañou o campionato de España absoluta. Nos seguintes anos, ademais de acadar os primeiros postos, Míguez batía os seus propios récords. «Non era tanto demostrar nada a ninguén como cumprir os obxectivos que propoñía», lembra. Fala dos papeis que cada ano enviaba á Federación coas marcas que esperaba cumprir. Iso era o que a motivaba a seguir mellorando. Tamén as viaxes para competir no estranxeiro: «Buscaba no atlas onde estaban as cidades, daquelas non era como hoxe». E chegaron os xogos olímpicos: «Para min non era nin sequera un obxectivo. Ao velo nos papeis díxenlle ao adestrador: ‘‘como que xogos?”». Cando llo contou ás súas irmás non o podían crer, tampouco o seu pai, que estaba moi contento. Pero coa súa nai foi diferente:
­—Mamá, mamá. Seleccionáronme para ir aos xogos.—E onde é?­—En Australia.—E a que vas alá tan lonxe? Queda aquí coa túa nai. A transición entre o deporte de elite e a vida civil chegou tras unha operación nos xeonllos. Con 30 anos, Míguez agardaba unha recuperación pronta, pero non foi así. «En realidade abandonoume o deporte a min. E eu tamén o tiven que deixar», recorda. No 2002 comezou o seu labor na Administración local, primeiro como xerente do Consello Municipal de Deportes de Ourense e xa no 2007 como coordinadora, posto no que continúa. Durante dous anos, no 2017 e 2018, mudouse a Santiago para exercer como secretaria xeral para o Deporte. Unha oportunidade que empregou para traballar no amparo dos deportistas de alto nivel que rematan a súa carreira profesional. «Era o inicio de algo grande», di.
Vinte anos despois, Míguez continúa coa fixación de tender a ser mellor: «Sempre sempre sempre hai que ser cola de león. Hai tanto que aprender dos demais…».

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/ourense/2020/12/23/marta-miguez-abandonoume-deporte-min/00031608744289282526962.htm#